Thursday 02 de May de 2024

Aitor Bouza anuncia unha batería de iniciativas no Parlamento Galego reclamando unha solución inmediata ao caos nas urxencias do CHUS


Cuestiona que o conselleiro de Sanidade lle preocupe máis o seu regreso á política local de Vigo en lugar de solucionar estes problemas “que non son de hoxe nin de onte”

O secretario xeral dos socialistas insiste en que os problemas nas urxencias “non é unha cuestión estacional senón estrutural”

As urxencias do Hospital Clínico seguen a estar nunha situación de “colapso absoluto”, así o denuncia o secretario xeral dos socialistas en Compostela que critica a “ineficiencia e incapacidade” da xerente da área sanitaria: “non é unha cuestión estacional, por mor dunha gripe ou infección, senón un problema estrutural”.

Aitor Bouza anunciou este xoves unha batería de iniciativas dentro do primeiro paquete de medidas no Parlamento Galego para reclamar á Xunta de Galicia “unha solución inmediata a esta situación” que, insiste, “a cidadanía de Compostela e a súa bisbarra non teñen que padecer”

“Eu non sei se o que lle preocupa ao conselleiro de Sanidade é, en lugar de solucionar estes problemas, a expectativa de poder marchar para Vigo para confrontar na política local de alí” cuestiona Bouza que lle reclama Comesaña que “baixe ao terreo e poña unha solución inmediata”.

O secretario xeral do PSdeG en Santiago censura que os pacientes do Clínico teñan que permanecer “horas apilados como se foran caixas nos pasillos”, unha situación “caótica” insiste, “provocada pola mala xestión da Xunta de Galicia”: “vemos que a Xunta de Galicia o único que fai na nosa cidade é confrontar de maneira permanente, vímolo no aparcadoiro do CHUS e agora coas urxencias” afirma.